Saturday 27 de April de 2024

Adxudicada unha actuación para mellorar a seguridade viaria a través de 256 metros de beirarrúa na zona escolar do IES Leliadoura


A actuación comporta un investimento de 30.945,75 euros

O Concello de Riveira informa da adxudicación provisional dunha nova actuación dirixida á mellora da seguridade viaria na zona escolar de Frións, na parroquia de Carreira, a través da construción dun tramo de beirarrúa de 256 metros.

Esta acción está adscrita ao Plan de Aforro e Investimento (PAI) adicional 1/2015 da Deputación e, de acordo coa clasificación de ofertas, recaeu na empresa Construcciones Oñial, S.L. Había 22 propostas presentadas á licitación. O prezo de adxudicación ascende a 30.945,75 euros, IVE incluído. O prazo de execución son dous meses.

A zona de actuación está situada na estrada provincial DP-7301, no entorno do IES Leliadoura, cuxa zona de tránsito para peóns presenta un pavimento de terra coas molestias que isto ocasiona, especialmente en época de chuvias. Por tal motivo proxéctase reordenar a zona de paso dotándoo dunha beirarrúa a base de baldosa hidráulica de 33×33 centímetros de formigón en color gris. O ancho mínimo será de 1,50 metros e a lonxitude do tramo de 256 metros.

Pluviais
Ademais, construirase unha nova rede de pluviais a través da instalación dunha tubaxe de PVC corrugado de 315 milímetros de diámetro, pozos de rexistro e arquetas sumidoiro ao longo do percorrido da beirarrúa e paralelo á mesma.